O traballo da compañía

O fomento das artes escénicas e a procura de novos espectadores son liñas de traballo fundamentais para a compañía Galeatro. Cremos na necesidade de achegar o teatro á sociedade como un espazo de encontro, de divertimento e tamén de reflexión.

Despois de toda esta etapa histórica que nos tocou vivir, se cadra o teatro sexa un dos mellores espazos diversos para provocar o pensamento. Para acadar este obxectivo utilizaremos as seguintes estratexias:


A Formación


Galeatro posúe unha dilatada experiencia na formación teatral. Así, e como indicamos anteriormente, conta con máis de 200 alumnos e alumnas de entre 3 e 65 anos nas súas distintas escolas. Un alumnado diverso que se achega ao teatro dende a formación e que esperta o seu interese polo consumo de productos culturais, chegando a solicitar nos seus concellos unha programación de teatro estable na que poidan disfrutar da variedade e do talento que existe na actual escena galega.

O teatro Amador



O teatro amador é un eixo vertebrador fundamental para as artes escénicas en Galicia. En Galeatro consideramos necesario tecer fíos entre as distintas agrupacións na que estamos presentes, e que estes actores e actrices de teatro amador experimenten o que significa realizar unha montaxe teatral. Que os veciños e veciñas vexan que os seus concidadáns soben ás táboas e representan os seus espectáculos noutras prazas xera un sentimento de proximidade coas artes escénicas e crea interese cultural.

Estas son algunhas das actividades que estamos a promover:


· Vagalume en ruta: Actividade proposta entre a Asociación Cultural Vagalume, o Concello de Carballo e a compañía Galeatro, na que os actores e actrices da asociación representan os seus espectáculos polas parroquias de Carballo.

· Maratón Teatral de Bergondo: A festa das artes escénicas en Bergondo, organizada polo Concello de Bergondo e Galeatro,
na que durante todo un día se representan os espectáculos do alumnado da escola de teatro. Cun público que abrangue entre
os 3 e os 80 anos, nesta xornada chegamos a contar con máis de 600 espectadores.

· Ciclo Maruxía Escénica: Un intercambio teatral entre os concellos de Bergondo, Oleiros,
Sada e Carballo que terá lugar durante os meses de maio e xuño.

O teatro fóra do espazo teatral



Nesta busca por achegar as artes escénicas á cidadanía, Galeatro está presente na organización e xestión de varias propostas culturais que xorden co obxectivo de xerar novos espectadores:


· Fioteen: Nesta proposta organizada polo FIOT, na que Galeatro está presente, búscase achegar as artes escénicas ao público
adolescente a través de pequenas pezas teatrais que son representadas nos diferentes centros de ensino do Concello de Carballo.

· Metro Cadrado: Certame teatral organizado pola compañía Galeatro, que forma parte da programación do FIOT na que se promoven
espectáculos de novxs creadorxs en espazos alternativos. Durante este ciclo podemos vivir a experiencia teatral pasando por unha zapatería, unha carnicería e ata polo salón de plenos do Concello de Carballo.



Cremos na necesidade de achegar o teatro á sociedade como un espazo de encontro, de divertimento e tamén de reflexión.